Está sempre a traballar. Pero cando pode, aproveita para sentarse no seu sillón negro, cunha copa na man e relaxarse vendo un deuvedé de ópera. Manuel Fernández Blanco fala tranquilamente de Internet, dese fenómeno que ve como un punto de fuga para os desexos máis persoais da xente. É o presidente da Escuela Lacaniana de Psicoanálisis- España e membro do Consejo de la Asociación Mundial de Psicoanálisis- Europa polo que coñece de preto este tema.
- ¿A onde nos leva Internet?
Internet lévanos ao máis próximo, porque o uso máis habitual ten que ver coa procura do máis íntimo de cada un. De feito, as páxinas máis visitadas son as de contido sexual, e as que conectan coas pantasmas sexuais de cada quen. Polo tanto, por un lado é o máis lonxano, porque non está na inmediatez material, pero por outra parte é o máis íntimo de cada un.
- ¿Pero se busca tamén a proximidade xeográfica?
Internet fai o lonxano próximo. Digamos que non é o criterio topográfico o que pon por diante, senón o criterio topolóxico. É dicir, non é o que está máis preto no sentido material, é o que está máis preto ao interese propio.
- Todos coñecemos os aspectos positivos de Internet pero, ¿cales son os máis preocupantes?
O máis salientable é que permite poñer nun escaparate público as fantasías propias, e sempre hai alguén que responde no outro lado. O exemplo máis paradigmático pode ser o antropófago de Rottemburgo, con fantasías caníbalísticas desde a súa temprana infancia e que atopou un foro de persoas con estas mesmas inquietudes en Alemaña. É moi difícil que haxa alguén dispoto a satisfacer estas fantasías, pero o que Intenet facilita é que alguén responda.
Polo tanto, baixo ese foro, o caníbal de Rottemburgo acadou a xente diposta, e a máis dun candidato. Isto posibilita o paso ao acto de cousas que antes era moi difícil que ocorreran.
- Desde o punto de vista do desenvolvemento da persoa, ¿Internet é bo?
É un instrumento e depende do uso que se faga del. Pode utilizarse para obter documentación, información, etcétera, pero nunca podemos esquecer que o uso máis habitual non é para este cometido.
- ¿Hai un perfil de persoas que fagan uso, ou abuso, do sexo na rede?
As páxinas de contido sexual son as máis visitadas, pero non quere dicir que sexa un uso exclusivo. Hai que pensar que tal vez Freud tiña razón, que o que máis move a cada un é o sexo, é dicir, os desexos. O que máis se busca na intimidade son contidos que desde o punto de vista social non son tan presentables.
- ¿Que se podería facer para rematar con este uso?
Nada [ri[. É unha forma de dicilo. Por suposto que hai que ter un control, e de feito as autoridades andan detrás de determinados tipos de contidos delitivos, coma as páxinas de sexo con nenos, pederastia ou o uso fraudulento. Pódese facer algo desde o punto de vista da orde pública para perseguir o delito, pero o uso de Internet como medio de goce é moi difícil. Imponse máis alá de todo intento de control.
- ¿Non se pode detectar, en serio, ás persoas que delinquen? ¿Levan unha vida completamente normal?
Ben, cando se trata xa de temas delitivos evidentemente non son persoas normais. Pero si é certo que esa anormalidade pode non ser manifesta no seu medio. Poden pasar por bos profesores, bos pais de familia, estudantes universitarios, e mesmo poden estar moi valorados. Este tipo de manifestacións son ocultas, son o máis íntimo, e buscan a maneira de expresarse que Internet lles facilita.
- ¿Europa podería chegar a ter fenómenos coma o dos hikikomori, xente que vive soamente para Internet?
Si, cada vez a relación co outro é máis complicada na sociedade occidental, baseada no individualismo, o narcisismo a ultranza e a adoración do máis persoal. Pode ser que moitas persoas se refuxien no seu ámbito íntimo e que estean conectados cos demais mediante a tecnoloxía, pero sen a incómoda presenza do outro. Non coa gravidade dos hikikomori en Xapón, que chegan a pecharse no seu cuarto cos obxectos tecnóloxicos durante anos, pero si ese tipo de fenómenos vémolos xa na nosa sociedade. Observámolos en rapaces permanentemente fixados ao ordenador, ao chat, ao messenger, ás conexións co outro pero non presenciais, senón virtuais. Tamén no recurso aos videoxogos ou outro tipo de gadgets da ciencia.
Creo que o fenómeno hikikomori ten que ver, en parte, coa cultura xaponesa pero pode que xa estea presente entre nós. Non do mesmo xeito, pero si a través do aillamento para que a relación sexa cos obxectos tecnolóxicos e en soidade.